Friday 19 de April de 2024

O Concello mellorará a seguridade peonil e a accesibilidade das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns


Urbanismo encargou a redacción do proxecto de reforma destas vías en que se ensancharán as beirarrúas habilitando espazos de convivencia para a veciñanza con vexetación e bancos

O Concello encargoulle á empresa PROTECNO SL a redacción do proxecto de reurbanización das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns co fin de mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade, polo que se aumentará a superficie tanto para o tránsito a pé como para a estancia e desfrute da veciñanza. Deste xeito, incorporaranse elementos de mobiliario como bancos e papeleiras e adecuaranse zonas con xardín con rego e árbores. Desta forma, o Goberno local de Inés Rey responde a unha petición da asociación de veciños de Labañou, un barrio en que xa se acometeron melloras no ámbito da avenida de Gran Canaria e está previsto intervir en Francisco Rodríguez Otero e Sor Joaquina, tal e como demandan as persoas residentes. Neste aspecto, a intención do concello é manter unha relación fluída e directa coas entidades veciñais que realizan un intenso labor para trasladar as necesidades dos seus distritos.

Tamén se modernizarán ambas as vías e pavimentarase tanto a calzada para persoas transeúntes como a dos coches, diferenciándoas desde o punto de vista da accesibilidade. Por outra banda, redistribuirase o aparcamento público e acometeranse melloras na rede de pluviais e fecais. Instalarase unha nova canalización municipal e axeitarase a sinalización coa nova ordenación das rúas.
Deste xeito, os tres ramais deste cruzamento de vías terán un primeiro tramo onde as beirarrúas estarán a un nivel superior da estrada, pero cun paso peonil previo sobre elevado para empezar a facer máis lento o tráfico. Pola contra, no cambio do cruzamento destes tres ramais, haberá unha única plataforma de maneira que a zona exclusiva para as peoas e peóns e a calzada para vehículos se situarán á mesma cota. Para marcar os distintos usos, empregaranse bordos delimitadores e diferentes pavimentos.

Ao seren as dúas dun único sentido de circulación, disporanse prazas de aparcamento en liña nun lado ou en ambos da rúa e nas dúas marxes da beirarrúa, que terá un ancho mínimo de 2,20 metros. Está previsto que estes traballos se executen en oito meses cun orzamento base de licitación de 451.330,82 euros.